Saltar al contenido

Cartel

Hoxe é dezasete de maio, día das letras galegas, día no que celebramos a publicación de Cantares gallegos (Vigo, 1863)  de Rosalía de Castro. Hoxe recordamos a unha autora que chegou a Galicia para quedarse, que namorou do galego e que impulsou a literatura para a infancia nesta lingua. Este dezasete de maio o dedicamos a María Victoria Moreno, a muller que tivo unha fermosa historia de amor co galego.

María Victoria Moreno naceu en Cáceres no ano 1939. Os vinte e seis anos comeza a traballar de mestra de lingua castelá en Lugo, e será alí onde a autora comece a súa relación co galego.

A partir do ano 1971 María Victoria escribía principalmente en galego. Nesa época a escritora mudouse a Pontevedra, lugar onde impartiría clase de galego de forma clandestina.

En 1973, o réxime retiraría a mestra o seu pasaporte por falar e ensinar galego. Nese mesmo ano publicaría a súa primeira obra en galego Mar adiante.

María Victoria impartiu clase en galego, escribiu en galego e creou espazos, coma unha librería onde atopar esta literatura a que deu vida.

María Victoria Moreno escribiu principalmente para un público infantil e xuvenil, inda que tamén traballou a poesía e a literatura para un público mais maior.

O final da súa vida escribiu un ensaio, Diario da luz e a sombra (XERAIS) onde recolle a súa experiencia na loita contra o cancro de mama. Finalmente, no ano 2005, a autora perdería a batalla contra esta enfermidade deixándonos a súa obra e os bos recordos dos seus alumnos.

María Victoria Moreno. Ilustración

"Eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía (…). A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor. ”

 Potcast

 Neste potcast colaboraron: Suso Díaz, Francisco Narla, Irene Penas, Manrique Fernández, Nacho Alonso, Eli Ríos, Beatriz Maceda, José Rodriguez, Sabela Pedreira, Francisco Castro e Andrea Jamardo. Coa colaboración de Sabela González e Gálix.

Producción do equipo do Recuncho do lector, Juan Carlos Jiménez e Guillem León.

 

Sobre a súa obra

 

Á hora de publicar, o seu maior auxe deuse na lingua de Castelao e, por iso, a continuación pasaremos a falar das súas obras máis importantes.
Mar adiante, Sada, Ediciós do Castro, 1973: Mar adiante é a primeira novela en lingua galega de María Victoria Moreno e unha das novelas fundadoras da literatura infantil en galego. Unha mestra contoulles un día aos compañeiros que viña de poñer escola nun barco, o Arroás. Como non a creron, e ela sabe que non o soñou, escribe a historia para que os rapaces a coñezan. Sabemos entón de Miguel, un vello mariñeiro, que fixo un barco cando soubo que o mestre ameazara aos rapaces con tiralos ao mar cos libros ao pescozo se non sabían a táboa do sete. E púxolle tripulación: un poeta, un debuxante, un amigo das estrelas e unha cociñeira velliña e garimosa, Lola. Non faltaban, claro, o capitán, e mais a mestra. No barco os nenos aprenden cousas que non veñen nos libros: a historia dos mozos náufragos aos que o patrón rico non quixo acudirlles, a de Mariquiña, que se fixo amiga dun lobo a quen agora todos os veciños queren e coñecen como Garimoso, a da illa dos paxaros que escaparon da persecución dos homes da aldea, que seica querían protexer as colleitas, a historia de amor imposible entre un vagalume e o Luceiro, que sae antes e marcha despois para que o vexa a súa amada, e mais a de Lola, que lles fixo unha árbore de Nadal con argazos camiñando sobre o mar e logo quedou durmida para sempre.
• Leonardo e os fontaneiros, Vigo, Galaxia, 1986: É unha narración que se publicou por primeira vez no ano 1986 e que desde entón se convertiu nun dos libros máis buscados por pequenos e grandes, pois aínda que foi escrito pensando en lectores de doce anos, ó final, como sucede con toda literatura de calidade, acabou sendo unha obra para todos. Conta as historias que lle suceden a Antón e mais a Leonardo. O primeiro é un neno que se chama Antón Andrade Asorei e que cursa oitavo. O segundo, a pesar do nome, non é un rapaz, senón un can; polo tanto carece de apelidos. Ó longo do libro suceden moitas cousas, tanto a Antón como a Leonardo. Quen as conta é Antón. E sabe contalas moi ben.
• Anagnórise, Vigo, Galaxia, 1988: Unha fermosa novela de amor que figura entre os libros máis lidos e admirados pola mocidade galega

O protagonista principal de Anagnórise é Nicolau Arís, un rapaz con problemas que un día decide deixar os estudios no Instituto e marcha a Madrid co propósito de encontrar a uns amigos que se dedican a negocios relacionados co tráfico da droga. A viaxe en autostop faina cunha muller intelixente, de nome celosamente oculto, que o recolle na estrada, e coa cal fala durante as horas que pasan xuntos dentro do coche. Os diálogos, sempre áxiles e ocurrentes, pero tamén naturais, van revelando a rica personalidade de ambos. Xa no destino, Nicolau e a súa amiga ocasional sepáranse sen que o rapaz saiba o nome dela. Ó remate, despois de que Nicolau entre en contacto cos compañeiros que o agardan en Madrid, irá buscar a súa amiga. Só entón saberá o seu nome.
• Guedellas de seda e liño, Vigo, Galaxia, 1999: Unha novela chea de contrates, na que a nobre delicadeza do ambiente pacego habitado polos seus protagonistas contrasta vivamente coa ruindade sempre ao axexo dalgúns personaxes que por alí roldan. Escrita coa pulcritude estilística e o rigor construtivo que caracterizan a literatura da autora de Anagnórise, esta novela prescinde das convencións máis rutineiras da narrativa xuvenil e convídanos a compartir un mundo complexo, unhas veces radiante e outras veces noxento, que ten no amor a súa última e verdadeira xustificación.
• Diario da luz e a sombra, Vigo, Xerais, 2004: A escritora María Victoria Moreno recolle neste libro a súa experiencia e reflexións como enferma de cancro de mama. Unha crónica literaria de beleza desconcertante, de sinceridade asombrosa, escrita dende a serenidade e a coraxe de quen sabe que unha doenza, por grave que for, non muda a personalidade de ninguén, se non que apenas resalta os trazos característicos de cadaquén. Velaí a mirada humilde, froito dun optimismo sensato, de quen posúe a convicción de que nunca é tempo de abrirlle as portas á desolación. Velaí, a grandeza literaria dun texto que devolve ao lector ou a lectora a ilusión necesaria para conservar todo aquilo que confire á vida un valor, até entón quizais subestimado: descubrir nas rutinas diarias pequenos praceres insospeitados, establecer vencellos afectivos ou amorosos, ou contar coa serenidade suficiente para enfrontar os contratempos do devir cotián. Destilación de vida en estado puro. A lectura deste diario literario proporciónanos a posibilidade de esculcar os territorios da luz e a sombra da alma humana. Achegarse a estas páxinas cheas de coraxe, enchidas de humor e tamén dalgunhas bágoas, constitúe un exercicio de humildade e de confianza nas posibilidades dos seres humanos. Esa é a aposta pola vida e pola esperanza á que nos convida María Victoria Moreno.