Reflexión: Qué é para min a literatura?

Reflexión: Qué é para min a literatura?

Ola, ola!!. Hoxe temos unha nova convidada.
Esta convidada é moi importante para nós, xa que é unha rapaza non nada nas terras galegas pero, que a diferencia de moita xente, defende o noso idioma e interésase pola nosa cultura dunha maneira moi especial.
Dende aquí queremos darche as grazas polo teu interese.

Lemos a esta lectora?

 

Por que lemos?

Portada

Para cada un de nós, a lectura é algo distinto. Non poderiamos atopar unha resposta que satisfixese a todas as persoas ás que lles gusta mergullarse na lectura e deixar que o tempo pase, sen importar que veña a anoitecida namentres nos perdemos por outros mundos, namentres nos relacionamos con todo tipo de personaxes e vivimos historias abraiantes, tristes, fermosas e tensas.
Esta é a miña primeira publicación neste recunchiño no que tan acollida me sinto e que mellor maneira de entrar neste lugar que tentando responder á difícil pregunta de “por que leo?” Máis adiante, irei respondendo outras preguntas tan complexas coma esta.
Para min a lectura é algo máis que unha afección. Hai moitas persoas (e seica nós tamén o teñamos feito moitas voltas) que, cando lles preguntan polas cousas que máis lles gusta facer, inclúen a lectura entre outras afeccións máis; pero para min a lectura non é unha afección. Para min, a lectura é unha necesidade, algo sen o cal non podería estar, sen o que non me podería describir. Para min, a lectura vai da man da escrita, pero diso xa terei tempo de falar máis adiante.
Podería dicir que a relación que manteño coa lectura leva durando toda a miña vida, dende que, cos meus dedos de cativa, descubrín o bonito que era percibir letras que, xuntas, eran verbas, verbas que, combinadas con outras, eran frases e que esas frases explicaban calquera tipo de historias. Cando era cativa, ensináronme a ler en Braille asemade que me ensinaban a facelo en vista; pero o Braille foi sempre a linguaxe que me permitiu entender o mundo dos libros, foi a fiestra a través da que me asomaba á inmensa terra da literatura.
Eu son filóloga, sempre o direi cun sorriso cheo de agarimo. Son filóloga porque amo os libros, porque amo ler, porque amo escribir, porque non podo imaxinar este mundo sen as palabras, sen as historias, sen o maxín de cada persoa, sen esa maxia que nos fai entrar nunha realidade que asemade se afasta da nosa e se achega a o que vivimos. Leo porque me atopo en cada libro que vén a min. Leo porque os libros expresan moitas das emocións que levamos por dentro, porque os libros encerran personaxes que se poden asemellar moito a nós, porque nos libros hai pequenos anacos do noso mundo que nos poden axudar a reencontrarnos co que fomos, co que somos e co que seremos, porque os libros son unha fiel escola, porque aprendemos a vivir mirándonos no reflexo deses personaxes cuxas vidas fitamos ás agochadas, sen que eles saiban que os espreitamos, que os seguimos en cada un dos seus pasos. Amo ler porque me gusta que me conten historias, porque non cansaría nunca de descubrir todos os mundos que poden existir, porque cada libro é un pequeno fragmento do mundo do escritor.
Seica non haxa unha única razón que xustifique por que nunca abandonei os libros, eses fieis amigos que nos acompañan sempre; pero si podo dicir con moita seguridade que, así como as persoas nos decepcionan, así como un amigo ou familiar, sen querer, nos pode facer dano, os libros, por moi malos que poidan chegar a ser, nunca nos botarán do mundo, nunca nos farán sentir que non encaixamos, que non somos parte desta realidade. A literatura pode ser un refuxio, pode ser tamén un cuarto que nos permita afastarnos do que vivimos e tamén pode ser un espello onde, inconscientemente, atopamos moito de nós mesmos; pero, sobre todo, os libros son unha ponte que nos axuda a acceder a outros mundos, os libros son camiños que nos unen. Si, os libros unen. Non só nos unen ás historias que encerran, senón tamén ás persoas que os leron, mesmo á persoa que escribe. Os libros poden unir mundos moi diferentes, poden facer que nazan amizades que non agardabas achar xa na vida. A literatura pódenos unir. Compartir a literatura une, fai que nos descubramos os uns aos outros a través dos libros que lemos, a través das historias que coñecemos, a través do que sentimos con cada lectura.
Eu non podería entender un mundo sen a literatura. O mundo, se quedase sen libros, quedaría sen vida, sen alma, sen corazón e sen voz.

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.