Recensión: A Señorita Bubble, de Ledicia Costas

Ola lectores! Hoxe teño unha nova recensión para vos.

DATOS BIBLIOGRÁFICOS:

A xente da vila sentiu un odio repentino pola señorita Bubble desde o mesmo día da súa chegada. A inventora apareceu por sorpresa unha mañá solleira, conducindo un convertible que funcionaba a vapor, e instalouse naquela vivenda que levaba tantos anos deshabitada. Repudiárona polo seu atavío, polos seus inventos, polo seu singular xeito de vivir. Ninguén sospeitaba o que en realidade sucedía no interior da mansión da señorita Bubble.

«Todo empezou un luns, que é o mellor día da semana para que sucedan cousas»

Recensión:

Existen persoas simpáticas, antipáticas, lunáticas, aristocráticas, reumáticas… e indescritibles coma a señorita Bubble. Na vila todo o mundo a chama a Meiga Caníbal pero… Quen é en realidade esa muller de aspecto peculiar?

Noa e Sofi, dúas nenas de espírito aventureiro están dispostas a descubrir que se agocha tras as portas da misteriosa Mansión Bubble.

«—Imos alá. Ábrete, sesamo! E tan pronto a Señorita Bubble pronunciou esas palabras, as portas mecánicas abríronse, mostrado todo un mundo onde a ciencia e a tecnoloxía latexaban coa forza dun corazón mecánico».

Opinión persoal

A pluma de Ledicia Costas sorprende unha vez mais con esta novela divertida, fresca, chea de cousas imposibles e algo máxicas, con personaxes peculiares e fortes mensaxes.

Se alguén pode facer que creas no imposible e sen dúbida a señorita Bubble Con esa forma de vestir tan peculiar (Quen non quere un sombreiro cheminea?) eses tolos trebellos, esas ideas que rozan o imposible e esa facilidade de facerte crer no incrible.

De todos os personaxes excéntricos que levo coñecido, Bubble é unha das miñas favoritas.

Noa e Sofi: As pequenas irmás chegan para demostrarnos que non debemos fiarnos das aparencias e que debemos saber ver mais aló da imaxe que a desconfianza e o medo crean. Creo que todos levamos un pouco destas irmás dentro e que non debemos perdelo.

Esta novela duroume un suspiro, unha desas tardes perfectas para ler no xardín, Deixoume con ganas de coñecer mais a esta inventora e as súas ideas tan fantásticas.


Escrito por Arthemisa