portada

Proceso de documentación de DX, de Eli Ríos.

Ola, lectores! O mércores traiamos a recensión de DX. Hoxe traemos a Eli Ríos, autora desta obra, para que nos fale do proceso de documentación desta novela. Lemos?

 

Proceso documentación DX de Eli Ríos

 

Cada persoa ten os seus propios procesos de documentación. No meu caso, varían, e moito, en cada obra.

En DX o tempo que usei para documentarme foi moi longo porque ten unha serie de elementos científicos que hai que fiar moi finos para conseguir esa sensación de que o que se conta é susceptible de ser verdadeiro.

Se lestes a obra veredes que hai uns bichiños sobre os que tiven que investigar en profundidade. Non quere isto dicir que despois use toda esta información, pero si que é necesario que saiba como é a súa morfoloxía, hábitos, etc, para poder situalos en espazos ou accións sen que resulte incoherente. A verdade é que non son moi mirada para o bicherío, pero recoñezo que pasar tantos meses convivindo con estes animaliños non foi unha experiencia doada. Todo o contrario foi bastante desacougante e houbo momentos nos que, incluso, cheguei pensar que acabaría desenvolvendo un TOC pola limpeza. E, aínda que isto semelle unha auto-tortura, ao final serve para transmitir á persoa lectora sensacións porque, para min, non existe unha literatura sen paixón, sen sentir. E, isto, lévanos á experiencia.

Experimentar o que nos transmiten os lugares nos que se desenvolve a acción nos diferentes momentos do día que imos usar na novela. Pasear, oler, tocar,…, usar todos os sentidos para crear unha ambientación que nos provoque, que nos fale por si mesma e sexa non só un pano de fondo da novela, senón unha personaxe máis porque en DX ata un simple pauciño ten a súa importancia, o seu significado.

Significante e significado. As palabras son fundamentais para crear realidades. E a realidade é que me preocupan as etiquetas. Angústiame a idea de meter as persoas en compartimentos illados nos que as súas características físicas sexan definitorias así que, tamén, dediquei moitos meses a investigar sobre as palabras coas que quería contar a historia que agromaba na miña cabeza. Moitos artigos, dicionarios, etc, nos que procurar, sen descanso, o significante que acubillase todos os significados, a palabra que acubillase todas as realidades.

E esa realidade tiña que ser nun futuro. Nun tempo non moi afastado do hoxe porque quero pensar que estamos no camiño de repensarnos dentro das etiquetas, o capitalismo e a ambición sen medida, porque somos a única especie que nos aniquilamos a nós mesma, porque é hora de poñerlle solución e non quedar mirando cara os avións. E como imaxinar un tempo futuro? Pois lendo moito sobre os avances tecnolóxicos, sobre as propostas científicas, pero, tamén, lendo moito o que escriben as compañeiras e collendo ideas de aquí e de acolá para construír un mundo propio. As novelas, os filmes, os cómics, o teatro, a radio, os debuxos animados ou as conversas diante dun vermú son informantes aos que merece a pena dedicarlle uns meses antes de sentar diante do computador para escribir. Os espazos como google ou as bibliotecas, tamén.

E, así, cando xa van alá dous ou tres anos de investigación chega o momento de sentarse e premer as teclas diante dunha folla en branco. Ese intre no que hai que decidir cal será a banda sonora que acompañe esta novela. E aí, non podía ser doutra forma, mergullei nas listas de reproducción e atopei unha na que se recollían todas aquelas que escoitamos nos filmes de terror. E o proceso de documentación continúa ao tentar descubrir por que nos produciu inquedanza, por exemplo, Cisne negro ou O Resplandor. E ese analizar as sensacións, condúcenos, irremediablemente, ás páxinas da escrita na que tentaremos apegar ese pouso.

E cando a obra xa está escrita, cando a obra xa está editada, cando a obra está nas mans das lectoras, ese proceso de documentación continúa coa escoita activa. Aquela que nos transmite as impresión das lecturas e que nos axuda (moitas grazas!) a montar as estadas da seguinte novela. E, así, a roda volve xirar outra vez.

 

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.