Novidades setembro 2017

Ola a todas e todos! Xa chegou septembro e con el a Volta o cole a moitas novidades, que é o que nos trae aquí.

EDICIÓNS XERAIS

Comezamos falando do premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega, 2016.

Sinopse:

Nerea ten a vida organizada. Pode considerarse unha muller con éxito dentro do estándar que marca a sociedade: é funcionaria, ten unha filla e un fillo, casada e con casa propia. No entanto, un luns recibe un diagnóstico de cancro de mama que o cambia todo. Vai morrer e ten apenas dous meses por diante e mil cousas pendentes por facer, que non poden ficar sen resolver. Moi pouco tempo e á vez suficiente para se decatar de que a súa realidade non lle permite encontrar un modo de se enfrontar á situación. Coa certeza da morte pairando en cada recuncho toma consciencia dunha realidade que non sempre é o que parece. Unha realidade oculta a plena luz do día.»Luns», gañadora do Premio Torrente Ballester de novela en 2016, está escrita cunha técnica arriscada, valente e innovadora, que prescinde de adobíos e consegue conmover, logrando facer partícipe a quen a le das circunstancias que acontecen no día a día de Nerea.

A señorita Bubble

A xente da vila sentiu un odio repentino pola señorita Bubble desde o mesmo día da súa chegada. A inventora apareceu por sorpresa unha mañá solleira, conducindo un convertible que funcionaba a vapor, e instalouse naquela vivenda que levaba tantos anos deshabitada. Repudiárona polo seu atavío, polos seus inventos, polo seu singular xeito de vivir. Ninguén sospeitaba o que en realidade sucedía no interior da mansión da señorita Bubble.

O segredo do avó

María e Miguel gustan dos contos que o seu avó Nicolás inventa para eles. Un día pregúntanlle en que se inspira para crealos. El dilles que saen do seu cerebro e que sería capaz de inventar tantas historias como pelos ten na cabeza. Os nenos non perderán a ocasión de retalo para seguir gozando das súas narracións.

Chega a segunda parte de Nemo. O rapaz sen nomede Davide Morosinott.

Consulta aquí a ficha de: Nemo. O rapaz sen nome

Nemo. O xigante de pedra

Segunda entrega das aventuras de Nemo, o príncipe indio que oculta o seu verdadeiro nome para protexer a súa vida e a dos seus dous novos amigos, Ashlynn e Daniel. Xuntos percorren Europa descifrando misterios e fuxindo dos seus inimigos, dos que polo de agora se deron salvado grazas á intelixencia pouco común de Nemo e á lealdade de Ashlynn e Daniel.Varios contendentes dispútanse Bundelkhand, e Nemo, para salvar o seu reino, terá que renunciar ao seu nome e cruzar o océano na procura dun misterioso tesouro. O príncipe de pel escura, arrastrado polas correntes, fuxirá lonxe. En compañía de Daniel, de Ashlynn e do seu inseparable can Nautilus, sobrevoará Europa a bordo da súa aeronave. Praga é a meta. Alí vive un rabino que talvez poida axudalo a descifrar o enigma necesario para atopar o tesouro. Pero terá que facelo antes de que Madame Zeta e os escarlatas acaben con eles.Un mundo de criaturas lendarias, gólems e símbolos misteriosos envolve a vida do príncipe indio e dos seus compañeiros de viaxe. Entrementres, a néboa cobre as calellas de Praga, do mesmo xeito que os segredos escurecen o pasado de Nemo e os detalles da súa perigosa misión.

O neno mariñeiro

Elías, o afillado de Agustina, naceu no Seixo de Darbo, nunha casiña branca e de pedra. Pouco despois, nos tempos arrepiantes da guerra de España, naceron o seu irmán e a súa irmá, e a familia asentouse en Cangas, onde sempre se sentían as gaivotas. Alí, no barrio mariñeiro do Forte, dominaban os cheiros a pesca, a roupas de auga, a redes, e había un secadoiro de polbo e peixe. O mar estaba a rentes e rosmaba como un dragón desexoso de engulir a xente, con ventos que galgaban e miañaban como grandes feras.Novela de carácter autobiográfico, no ronsel de «Fins do mundo» e «Profecía do mar», obras esenciais na traxectoria literaria de Bernardino Graña, relata aqueles días de infancia, de fame e naufraxios nunha vila mariñeira do Morrazo, nos primeiros anos da guerra. Escrita cos fíos da memoria, retrata sen nostalxia e con humor a sociedade á intemperie da galerna e dos malos ventos de mar aberto, na que, a pesar das penalidades, a rapazada respiraba o aire salitroso con alegría. «O neno mariñeiro» é unha alfaia da literatura galega da memoria escrita por un clásico contemporáneo.

Falemos de teatro comezando polo IX Premio Manuel María de literatura Dramática Infantil, 2016

O valo

No medio dun deserto, que se estende até onde alcanza a nosa vista, o Soldadiño de chumbo, un neno soldado, chanta unha bandeira e coloca un valo de arame, xusto onde no seu mapa marca a fronteira. Do outro lado do valo, Sahara, a rosa do deserto, unha rapaza abandonada, que foxe da guerra, trata de convencelo de que a deixe pasar, xa que está procurando un pozo onde saciar a súa sede. Xaora, sentados de costas, mirando as estrelas fugaces no firmamento, Sahara e o Soldadiño comparten idéntico ceo e comprenden que só na procura dos seus soños atoparán a liberdade.Peza dun único lance para dous personaxes, «O valo» propón unha emocionante reflexión sobre a igualdade e a paz entre todas as persoas e comunidades. Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2016, o xurado salientou “o carácter sobresaliente” desta peza que ten a guerra de Siria como pano de fondo.

XXIII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, 2016:Suite Artabria

Suite Artabria, de Manuel Lourenzo é un conxunto de tres pezas («Orzán», «O fulgor das atochas» e «Alerta na rúa do Pozo») con elementos comúns, concibidas, segundo o xurado, «como un roteiro por algúns dos espazos máis representativos da Coruña»: o Orzán, as Atochas e a Falperra. Trátase dun paseo pola intimidade escura e visceral dunha cidade amada polo autor, a través de tres barrios nos que se desenvolve cadansúa historia criminal, tecida en ambientes marxinais e con personaxes da realidade actual: perdedores, buscavidas, amargados, especuladores e corruptos que se enfrontan a situacións límite. A tonalidade da obra introdúcenos nunha atmosfera abafante que emprega unha linguaxe directa e, por momentos, poética, moi axeitada para expresar a deriva destes seres tristes e ao tempo dispostos a todo para garantír a súa supervivencia

Rosalía de Castro e o poder sexual

Rosalía de Castro é unha das escritoras que mellor comprendeu e reflectiu na súa obra, tanto poética como narrativa, a sedución, entendendo esta como o poder sexual que os homes exercen sobre as mulleres. Quere isto dicir que a primeira escritora galega no século XIX, recoñecida e valorada na actualidade por todos, ten como leitmotiv da súa obra a sexualidade e o poder patriarcal. Antes de que se estudase e se lle dese nome ao patriarcado, esta galega xa foi pioneira, con orixinalidade e con audacia, nun tema vixente na actualidade, causante dun holocausto que non se frea. Nas novelas e ensaios rosalianos e en boa parte da súa poesía a muller é a principal protagonista, unha muller que padece os efectos do abuso do patriarcado, tanto no aspecto político como emocional, sendo, como sinala Kathleen March, “a opresión da muller o seu tema único”.María Xosé Queizán reúne aquí sete ensaios de temática rosaliana, dende o introdutorio, que lle dá título, no que se estuda o carácter feminista de toda a obra rosaliana, pasando polos que abordan o amor e o suicidio na obra poética, até os dedicados á súa consideración a través da historia e á persecución que sufriu no seu tempo. Complétase o libro con media ducia de poemas e dous relatos nos que Queizán homenaxea a nosa primeira escritora.

h2>KALANDRAKA

CARTA A UN PROFESOR MOZO

“Quixera tentar procurar convosco o que funciona na cerna do oficio, ese fogar mitolóxico de onde parte o esencial da nosa enerxía e de onde vén tamén, nos momentos de depresión, o noso desazo. Quixera amosarvos que, malia a avalancha de disposicións máis ou menos oficiais e a complexidade da nosa institución escolar, malia o peso das tarefas administrativas que temos que realizar cada día, malia o formatado dos nosos alumnos a través da mediocridade televisiva, malia as presións sociais que se exercen sobre nós dende todas as partes, malia a desaparición –no noso ambiente escolar e en moitas das nosas reunións de profesores– de toda pegada de poesía, é aínda posible que a transmisión aconteza na clase e que de súpeto o oficio teña, daquela, sentido…” Philippe Meirieu é unha das personalidades máis destacadas da actualidade en Francia no campo das Ciencias da Educación. Recoñecido polos seus textos e intervencións públicas en favor dunha visión progresista da escola e da educación, nesta “Carta a un profesor mozo” reflexiona sobre o oficio dos profesores na actual sociedade e aborda cuestións da formación deste gremio nas súas diversas vertentes: deontoloxía, ética, desenvolvemento cultural e didáctico, claves cidadás… Redactouna en 2005, recén chegado ao cargo de director do Instituto Universitario de Formation de Maîtres de Lyon. Trátase dun ensaio para o profesorado máis novo con indicacións que van dende a acción docente entendida como parte de proxectos conxuntos a escala de centros, ata a existencia de proxectos de centro enfocados ao alumnado, pasando pola convición de que a educación debe ser inclusiva, consideracións sobre as avaliacións, a necesidade de traballar con esixencia, ou o funcionamento das escolas como institucións abertas á cidadanía. A calidade didáctica e a súa intensa participación nos principais debates sobre a orientación dos programas de educación en Francia afloran nas páxinas do libro: lectura imprescindible construída con vigor intelectual. O propio autor asina un limiar redactado especificamente para esta edición en galego.

A TERRA DE ANNA UNHA HISTORIA SOBRE O CAMBIO CLIMÁTICO

“…Mais na Noitevella do ano en que Anna celebrou o seu décimo aniversario, non nevara nin nas alturas nin nos vales. A xeada había xa tempo que chantara os dentes na terra, pero á parte de manchas aquí e acolá, na montaña non había neve. Mesmo o impoñente cumio sobresaía vergoñentamente espido baixo o ceo, desposuído do branco abrigo invernal. Entre os adultos murmurábase algo de «quentamento global» e «cambio climático», e Anna tomou nota desas novas palabras. Por primeira vez na súa vida, tivo a impresión de que o mundo se estaba deteriorando…” O día do seu cumpreanos, Anna recibe como agasallo un vello anel cun rubí. A partir de aí -como a Casandra do mito grego- a rapaza comeza a ter soños premonitorios. Unha noite é transportada desde a súa idílica cabana na montaña norueguesa ata o mundo desolado e agonizante no que vive a súa bisneta Nova, en 2082: o mar incrementara moitos metros o seu nivel e o planeta perdera a maior parte da súa riqueza, o deserto avanzara por todos os continentes, destruíranse numerosos ecosistemas e miles de especies de plantas e animais extinguíranse ou estaban en vías de desaparición. Ao espertar dese pesadelo, Anna e o seu amigo Jonas, xunto co doutor Benjamin, tentarán advertir a humanidade do perigo para evitar a catástrofe natural: o abuso do petróleo, a emisión descontrolada de CO2 á atmosfera, a deforestación das superficies arboradas… son moitas as ameazas reais e pouco o tempo para invertir a tendencia destrutiva que aboque a un escenario tan apocalíptico. O antigo anel que lle entregaran polo seu aniversario resultará ter máis importancia do que parecía. Dirixida a lectores xuvenís e a público adulto, “A Terra de Anna” aborda o desafío medioambiental: a cabalo entre o pasado, o presente e o futuro, entre os seus ingredientes destacan a emoción e o misterio. Jostein Gaarder volve apostar por unha protagonista feminina, curiosa, idealista e valente para abordar as grandes cuestións sobre o mundo, a humanidade e a vida

MAIS DE COMPAÑÍA

Esta era unha vella moi vella á que chamaban dona María. A pobre vivía soa, moi soa, sempre triste e aburrida. Unha mañá subiu ao monte… A vella dona María subiu un día ao monte e volveu cunha caixa na que gardara varios bechiños silvestres para que lle fixesen máis levadeira a súa soidade. Aconteceu daquela que unha veciña curiosa e algo lingoreteira quixo saber que había dentro. Dona María contoullo, mais a muller entendeu algo que nada tiña que ver coa realidade. A partir de aí, armouse en toda a vila unha tremenda confusión que chegou a alarmar as autoridades. Que habería de certo no misterioso recipiente da anciá? “Animais de compañía” é un relato construído a partir dun xogo de palabras que amosa o moito que pode variar a percepción dos acontecementos ao iren pasando de boca en boca. Estes versos rimados e cheos de humor animan os lectores a xogar por si mesmos formando e deformando a linguaxe; unha proposta que nos remite á obra de clásicos como Lewis Carroll. O texto de Manuel Lourenzo González vai acompañado nesta nova edición polas ilustracións de Óscar Villán: co seu estilo persoal e co apoio dun intenso colorido, as imaxes destacan pola expresividade dos personaxes e por reflectir con sinxeleza e eficacia o divertido xogo de palabras.


Escrito por Arthemisa